De 11 a 14 CLUB DE LECTURA

 

 

Saint-Exupéry, Antoine
O principiño
Ilust. do autor
Trad. Casares, Carlos
Galaxia
129 pp.
1972


O principiño vive nun pequeno asteroide acompañado de tres volcáns e dunha flor algo caprichosa. Esta comeza a darlle problemas que lle fan sentir unha gran soidade. Por iso decide emprender camiño na busca dun amigo. Percorre varios planetas e neles vai atopando un rei, un vaidoso, un borracho, un home de negocios, un faroleiro e un xeógrafo. A súa conclusión é sempre a mesma: que os adultos son moi estraños e que o que eles consideran cousas serias e importantes non coincide para nada co que pensa o principiño.
Proseguindo coa busca da amizade chega á Terra pero ante a súa enorme extensión e baleiro (xa que cae no deserto) sente máis ca nunca a soidade. Atópase primeiro cunha serpe, quen lle explica o pouco que se pode agardar dos homes e lle ofrece a posibilidade de regresar á casa.
O principiño continúa o seu camiño e ten un importante encontro cun raposo quen tampouco contribúe a mellorar a súa opinión sobre os homes pero en cambio lle aprende o modo de facer amigos (cómpre crear vencellos e deixarse “domesticar”) e, ao final do seu encontro, lle regala o seu segredo: “soamente se ve ben co corazón. O esencial é invisible para os ollos”.
Deste xeito o principiño decátase de que a súa flor o “domesticou” e decide regresar á casa valéndose dos medios que lle ofrecera a serpe. É daquela cando coñece o aviador que nos está a contar a historia e que descobre que atopou un grande amigo.
O resto desta historia terás que descubrilo ti lendo este fermoso relato do escritor francés Antoine de Saint Exupéry que Carlos Casares traduciu con grande acerto á nosa lingua. ¡Seguro que che gusta!