De 8 a 10 CLUB DE LECTURA

 

 

Kühn-Bode, Heidi
Teatro para contistas : Xogos infantís no escenario
ilust. Tomás, José
Baía, col. Golfiño, nº4
2003
108 pp.

Neste volume atoparás seis breves pezas teatrais que recrean os contos clásicos levados con moito humor a escenarios da actualidade.
En “Adelina toma café” imos viaxar no tempo ata a Pontevedra do 1931 para coñecer a Adelina, a filla da churreira, que dá un primeiro paso para rematar coa discriminación das mulleres, que noutros tempos tiñan prohibido o acceso a moitos sitios que só eran frecuentados por homes.
En “O Nadal dos cacharriños” vemos unha adaptación dos personaxes dos músicos de Bremen a unha nova situación, acompañados dunha tixola, dun azucareiro, dunha pota ou dunha cafeteira.
En “O lobo vello e as sete cabuxiñas espilidas” seremos cómplices dunhas cabuxas moi especiais, capaces de calquera cousa para non caer nas gadoupas daquel lobo que vendía lotería para gañar a vida e non morrer de fame.
Con “Brancaneves e os oito roqueiros” temos oportunidade de coñecer outro tipo de ananiños, que neste caso eran oito e tocaban música heavy, e a unha Brancaneves preocupada pola música máis moderna á que lle gustaba Madonna. Ademais saberemos dunha madrasta moi boa e será a Bela dormente, chea de envexa, a que decida envelenar a protagonista.
En “A chave que abría todas as portas” A Fandiña consegue aprobar os exames sen estudar grazas á chave máxica da meiga Gumersinda.
En “O crocodilo que quería celebrar o Nadal”, Toffel, o crocodilo, conta coa axuda dos seus amigos os paxaros Bicofresco e Fror de Lis para ver cumpridos os seus desexos de viaxar a Bavaria para celebrar o Nadal.
Xa ves, unha chea de aventuras e diversión garantida.