Coa
lectura deste relato poderás coñecer unha
lenda galega moi famosa que fala da existencia da trabe
de ouro e a de alcatrán e a tradición que
existe en Fisterra sobre a existencia da Vaca de Fisterra,
que a autora coñeceu un día no que se comunicaron
o mundo da realidade e o da fantasía. Pero tamén
poderás saber o que aconteceu hai moitos anos, nos
tempos en que os dragóns tiñan moito poder
no mundo, no reino de Duio, grazas ás memorias de
Basilio, o Dragón de Duio.
Este personaxe conta como transcorreu todo dende
que Duio foi sitiada por Carlomagno, que cobizaba a trabe
de ouro soterrada baixo terra, descoñecendo que ía
aparellada cunha trabe de alcatrán que pon en perigo
o mundo. Cando a atopou, o reino quedou asolagado e o dragón
Basilio púxoo a salvo cun encantamento no outro lado
da terra, en Milmontes.
Moitos anos despois, un rapaz chamado Miro chega a Milmontes
ao atopar por casualidade o torques de ouro do Dragón,
e alí coñece como é escola e
aprende materias que no seu mundo non se estudan. Ademais,
namórase da súa compañeira Morgana
coa que vive unha serie de aventuras na súa loita
por salvar o reino e defender os seus sinais de identidade,
enfrontándose aos que queren cubrir a cidade de cemento.
Na busca do corgo de lume terán que vencer a moitos
seres que ameazan a súa vida, pero grazas ao saber
de Morgana conseguen saír vitoriosos, aínda
que Miro terá que pagar un alto prezo.
|