De 8 a 10 CLUB DE LECTURA

 

 

Manuel María
As rúas do vento ceibe (Versos pra nenos )
Ilust. Perfeto A. Estévez
Galiza Editora, col. Literatura infantil
1978
84 pp.

Neste poemario, Manuel María intentou transmitirvos, sobre todo aos que vivides na cidade, algúns sentimentos relacionados con Galicia: o gran tesouro que supón a nosa lingua, a necesidade de se comprometer coa terra natal e o amor pola rica e fermosa natureza que posuímos. Atoparedes os poemas do libro divididos en catro apartados con cadanseu título indicativo do contido.
En "A patria" os textos falan do mapa de Galicia, da súa fala, do seu escudo e dese gran mal que foi a emigración e que viviron moitos galegos e galegas.
En "A cidade", os poemas aparecen poboados de rúas, autobuses, motos, semáforos, pasos de peóns ou gardas de tráfico.; en fin, o ambiente habitual de calquera das vosas cidades. Esta realidade vai acompañada de lembranzas íntimas do poeta como a súa casa da aldea, o seu cuarto ou aquel teatro de guiñol que lle agasallou seu pai, co fin de transmitirvos aos nenos e nenas de hoxe "o que é, e o que foi Galicia".
En "A natureza e as cousas" aparece o mundo rural e as súas tradicións, o necesario respecto pola natureza e por elementos de noso: a muiñeira, o hórreo, a dorna, o cruceiro..., e mesmo remata cun "Conto de medo", daqueles que se adoitaban contar nas longas noites do inverno.
En "Os heroes" viaxaredes no tempo para vivir moi de preto acontecementos que pertencen a historia de Galicia: os celtas no Monte Medulio, as revoltas irmandiñas, a loita entre os Reis Católicos e o Mariscal Pardo de Cela, os mártires de Carral, os levantamentos populares de principios do século XX, as Irmandades da Fala ou o Estatuto do 36. Quizais coa axuda destes versos poderedes facer algunha actividade na clase.