De 11 a 14 CLUB DE LECTURA

 

 

Manuel María
Barriga Verde : farsa para bonecos
Castrelos, col. O Moucho, nº8
1968
95 pp.


Este texto dramático publicouse por primeira vez en 1968, aínda que hai unha edición máis actual, do ano 1996. Foi a primeira obra de Manuel María que se levou a escena, en Ribadavia alá polo ano 1969.
O tema da obra é un triángulo amoroso entre unha Moza, o Galego e o Serrador, aínda que o personaxe máis importante é Barriga Verde, o encargado de poñer paz entre os tres. Toda a trama desenvólvese nun ambiente festivo, ledo e desenfadado, cuns diálogos vivos, populares e picantes, botando man do dobre sentido.
As cousas vanse enleando dende que a Moza expresa o seu desexo de casar malia non ter noivo. Daquela comezan a aparecer os seus pretendentes. Primeiro o Serrador, un mozo que non é da aldea, e logo o Galego, que ao coñecer o interese da moza por casar dille que "non se fíe das palabras ledas nin da xente que pasa". Como podedes imaxinar os dous rifan pola muller e Barriga Verde terá que intervir para resolver o asunto. Cando por fin chega o día da voda e parece que todo está amañado irrompe en escena o Serrador, desta vez acompañado do Demo, disposto a acabar co Galego. Outra vez todos a pelexar ata que Barriga Verde logra acabar co conto. Mais a cousa non remata aquí. O Galego acaba dándolle unha labazada ao crego, e daquela a moza chora desconsolada: ¡Fixéchela boa!... ¡Ai, quen me vai casar agora!...
¿Sabedes quen foi Barriga Verde? Pois o personaxe de Manuel María inspírase nun monicreque que facía José Silvent Martínez (1890-1979), ao que Manuel María viu actuar en Lugo cando tiña sete anos. A obra é pois unha homenaxe a José Silvent, creador do guiñol popular galego de feira que desapareceu co seu animador.