O noso amigo Lolo é un neno moi espelido que quere axudar na casa, aínda que as cousas non lle saen sempre todo o ben que el quixer. Nunha ocasión intentou sorprender os seus pais e preparoulles un almorzo deses de campionato. ¡Que mestura era aquela! Marmelada, macarróns, chocolate, azafrán, sal... Os Reis Magos non llo perdoaron e un ano máis quedou sen a bicicleta que sempre lles pedía e no seu lugar recolleu ese carbón tan negro e que tan pouco lles gusta aos nenos e nenas.
A impaciencia non lle vai deixar a Lolo agardar outro ano pola bici, así que decide facer os seus primeiros ensaios no garaxe coa de seu pai. Logo duns cantos trompazos consegue sortear todos os trastos que papá garda no garaxe. Como el necesita novas sensacións, como os ciclistas de verdade, alá vai, subido no pico do muro para que seus pais non o vexan dende a cociña. ¡Como corre! ¡Que velocidade! ¡É incrible!
Seguro que pensas que axiña descubriron as trasnadas de Lolo e que levou unha boa reprimenda. Pois, si, así foi, aínda que seus pais quedaron admirados ante as cousas que aprendera a facer el só. Axiña chegou o día de Reis e.
Xa non conto máis. Se queredes saber se desta vez os Reis lle deixaron a Lolo a tan desexada bici, teredes que ler este libro tan divertido, deixándovos levar polas acuarelas de Manolo Uhía.
|