+ de 14 CLUB DE LECTURA

 

 

Casares, Carlos
O galo de Antioquía
Ilust. Andrés Meixide
Galaxia
2003
38 pp.


O humor, as referencias a elementos das lendas galegas e a denuncia sutil de comportamentos intolerantes enchen a fantástica historia que lle aconteceu ao ferreiro Antonio Madarro "O Calatrón", que, por se fiar do cura e pensando que o demo lle entrara no corpo, rematou os seus días como un polo asado.
O relato, cunhas divertidas ilustracións de Andrés Meixide, comeza coa sorpresa do protagonista unha mañá que pensando que andaba un pouco duro de ventre e logo dun grande esforzo puxo un ovo. A súa sorpresa foi maior ao ver como lle saían plumas. Convencido de que o demo lle entrara no corpo , vai ver a don Marcelino, o cura, quen lle asegura que só está a sufrir un ataque de medo.
O crego, desconfiado por natureza, fala con don Luís, outro cura amigo, e ambos o int errogan. Non poden dar creto ao ver que entende latín, que é capaz de precisar a data exacta do Diluvio Universal e o día que rematou a Creación. ¡Isto non pode ser! ¡Un home que non sabe ler nin escribir e agora sabe máis cós cregos! Por iso deciden practicarlle un esconxuro que o leva a describir o campanario da igrexa de Antioquía que, segundo a lenda, só se podía ver tres veces ao ano. Mándano prender e, tras mallar nel, aplícanlle o remedio salvador do lume. É así como o ferreiro remata na fogueira para salvar a súa alma.
Velaquí tedes unha obra que presenta algunha das características fundamentais da prosa e tamén da personalidade de Carlos Casares: situacións que raian no absurdo, personaxes pintorescos e unha axeitada utilización dos temas e recursos da nosa tradición oral.