Este volume comeza cunhas palabras do autor nas que, ademais de lembrar a seu pai, a quen define como un gran contador de historias, expresa o seu desexo de que os lectores e lectoras fagades vosos estes textos e logo os contedes, continuando así o fío da literatura de tradición oral. Aquí van algunhas claves que deberedes completar coa vosa lectura persoal.
En "O espello do viaxeiro" cóntase como un home que volve á casa familiar logo de sete anos de ausencia pérdese no camiño ao caer a noite. Vai dar a unha ferraría, onde atopa un home fisicamente igual ca el, agás nun detalle: non ten a pálpebra do ollo esquerdo. Despois de dar conta de moito viño, pelexan e o camiñante resulta ferido nun ollo. Agora xa é cuspidiño ao ferreiro. O camiñante víngase do ferreiro e mátao pero é entón cando comeza a súa condena: ocupar o lugar do morto e ter que vivir a vida que lle tirara.
"¿Hasme contar como foi o asunto do Fornadas? Desta maneira lle preguntei a meu pai un día que iamos de Castro a Roás". Así comeza o conto "O Fornadas", no que se relata como tres homes, fartos dos abusos dunha vella ben ruín, decidiron escarmentala e acabaron matándoa. Cando foron queimar o corpo a un forno abandonado, a vella incorporouse para anunciar que se vingaría dun deles, o Teixo. En poucos días o Teixo, a quen a xente alcumou o Fornadas, foi condenado. Ao saír da cadea volveuse reservado e de trato difícil. Un día contoulle ao narrador deste conto que non tiña descanso, pois a vella se lle aparecía e de cada vez lle arrincaba un órgano. Catro ou cinco días despois atópano morto. Don Clemente, o médico, non daba creto ao lle facer a autopsia, pois estaba totalmente baleiro por dentro.
En "A loba" saberedes da historia de Isaura a quen Silvestre deixou embarazada e logo levou á Coruña para desfacerse do fillo. Tempo despois casou con outra e o día da voda Isaura apareceu para dicirlle que lle debía un fillo. Aquela mesma noite aforcouse nun castiñeiro e converteuse na xefa dunha manda de feroces lobos coa que os homes non daban acabado. Unha noite de inverno, a loba roubou o fillo de Silvestre, acabado de nacer. Silvestre acurralouna nun cortello e prendeulle lume, sen saber que alí estaba tamén o seu bebé.
En "O cumpremortes" cóntase como un home recibe unha mañá unha tarxeta desexándolle "¡Feliz cumpremortes!". Para fuxir da morte, escapa sen deixar rastro ningún, pero é inútil. Cada ano, sen falta, seguen chegando as cartas. Un deses días de "cumpremortes", pasadas xa as doce da noite, o home atopouse finalmente coa morte e esta librouno do seu destino. Explicoulle que aqueles que usan da súa liberdade para tomar decisións e que son quen de asumir os resultados dos seus actos inventan e escriben o seu destino.
Espero que vos gusten estes contos. Xa me contaredes. Ah!, esquecía dicirvos que non deixedes de ler o texto final, cando o autor fala de si. Paga a pena.
|