De 11 a 14 CLUB DE LECTURA

 

 

Martín , Paco
Das cousas de Ramón Lamote
Ilust. Xoán Balboa
Galaxia ; SM, col. O Barco de Vapor
1985
139 pp.

Premio O Barco de Vapor 1984
Premio Losada Diéguez 1985
Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 1986
Lista de Honra do IBBY 1986
White Ravens 1988
Acompañade o profesor de chairego e debuxante de soños por encarga Ramón Lamote Miñato e coñeceredes a súa cidade e os seus veciños. ¡Atendede!...
Na vila todos agardan o acontecemento histórico. O Reparante xa asoma o fuciño, está a piques de aparecer... ¿Que non sabedes o que é iso? Pois coma case todos... Disque é un dragón, pero ninguén o puido ver xa que só aparece cada seicentos noventa e seis anos. Algúns xa se preparan para facer negocio coa nova, pero só o sr. Lamote coñece a verdade, para desilusión do Rexedor e daqueles que só pensan en gañar cartos e encher o bandullo.
¿Queredes saber o que lle aconteceu ao sr. Lamote unha chuviosa tarde de xoves, cando se atopou cunha señora gorda sentada no medio e medio da escaleira disposta a parolar de calquera cousa con tal de non deixalo pasar para dar a súa clase de chairego?
Con estas pistas estou seguro de que xa tedes unha idea de como é o sr. Ramón Lamote, da súa retranca, do seu interese polas cousas cotiás, da súa vontade de entender o comportamento dos demais e de encher de amabilidade todo ao seu redor, non como a maioría dos ignorantes ricachóns da vila que nunca están satisfeitos.
Humor, moito humor enche a historia daquela conferencia para as refinadas señoras da "Asociación de Mulleres da súa Casa que fan un Gasto Considerable en Pescada Fresca". Ou aqueloutra que sucedeu no inmenso tubo amarelo que atopou o profesor Lamote ao saír da súa casa e que tanto lles chamou a atención aos veciños, mesmo ao Rexedor que xa estaba disposto para inauguralo.
Lamote tamén baixa a diario á estación do tren a compartir a alegría dun vello que viaxa todos os días só polo pracer de vivir a experiencia do retorno, iso si, sen gastar un can, xa que sobe no tren por unha porta e baixa pola outra dicindo: "Nada hai mellor que chegar outra vez á terra que o viu nacer a un."
E se o que vos gusta é a fantasía e os soños gozade coa primeira corrida de nubes da historia; podedes recoller as bases para participar no xornal da cidade ou neste magnífico libro que, coas palabras de Paco Martín e as barrocas ilustracións de Xoán Balboa, vaivos axudar a distinguir as persoas polo que son e non polo que din ser.