Vaia intriga, meus! E cantas cousas interesantes conta neste libro o seu protagonista, David, un rapaz de oito anos que é o encargado de describir como é a súa vida e como entende el todo o que pasa ao seu redor.
Ademais de presentarvos a súa gata, Lúa, que está preñada por terceira vez, coñeceredes a Branca, a súa moza, a rapaza máis guapa e máis lista da súa clase. Ambos teñen un segredo a medias, un misterio que van resolver eles sós. Trátase de evitar que os gatiños de Lúa desaparezan ao día seguinte de telos, como xa pasou as dúas veces anteriores.
¿Quen lle leva os fillos a Lúa? Para descubrilo non queda máis remedio que estar atentos a cada movemento da gata, investigar todas e cada unha das pistas, poñer trampas e vixiar sen descanso.
¿Que acontecerá cando nazan os novos gatiños de Lúa? ¿Serán capaces David e Branca de protexelos? Non podo contarvos máis nada para non descubrir o pastel pero asegúrovos que é unha historia ben emocionante. |