Velaquí outro dos títulos importantes da LIX, imprescindible na vosa biblioteca. Veredes que puxen dúas portadas distintas e isto ten unha explicación. Contos por palabras publicouse por primeira vez en 1991 e daquela o libro ía acompañado das ilustracións de Miguel Vigo. En 2001 apareceu unha nova edición, revisada polo meu amigo Agustín, que lle engadiu dous novos contos. Ademais renováronse as imaxes, que na edición definitiva son de Enjamio.
Os dez relatos de Contos por palabras teñen unha orixe común: todos eles naceron a partir dos anuncios por palabras, xa sabedes, eses que aparecen todos os días en calquera xornal. Eu teño amigos que comezan a ler o xornal polos deportes; miña avoa préstalles moita atención ás necrolóxicas e outros devoran a sección de economía e o encrucillado. Pois un bo día, Agustín quedou abraiado cos anuncios por palabras e ocorréuselle a idea de transformalos en contos.
Foi así como naceron todas estas historias. Grazas a elas coñeceredes un home que desexa atopar a chave da felicidade e os problemas dun traballador dunha axencia matrimonial que ten que atoparlle parella a unha unicornia azul. Saberedes tamén o que lles aconteceu a dous empregados da empresa de rótulos “O Neón Luminoso”, que foron despedidos por exceso de creatividade artística. Ou seica non é bastante máis fermoso “A forza da razón” que “Muscle Man”, como quería o propietario daquel ximnasio? E que me dicides da pobre Vanesa? A súa nai está empeñada en que se converta nunha artista da tele, igual que Mercedes, a filla da veciña. Menos mal que non a colleron no casting para anunciar Caramelos Lambón!
Noutros contos aparecen personaxes moi coñecidos. Imaxinade a Drácula traballando nunha funeraria e a Spiderman nunha empresa de limpar cristais nese vertixinosos rañaceos que hai en moitas cidades. Seguro que é capaz de deixar brillante ata o recuncho máis escondido! Tamén veredes como o home-lobo require os servizos dun salón de beleza e non faltan feiticeiros e bruxos no mundo actual en “Un máxico negocio”. O libro péchase cun conto ben fermoso, “O libro das infinitas historias”, un libro máxico que cambia de contido coa imaxinación de cada lector ou lectora. Quizais algún día chegue ás vosas mans.
En definitiva, meus, Contos por palabras é todo un clásico cargado de humor e imaxinación. Non dubidedes en comprobalo.
|