¿Como
identificarías unha verdadeira bruxa se aparenta
ser unha persoa normal? ¿Como as vencerías
se te converten nun neno-rato? ¿Que farías
se intentan matar a todos os nenos e nenas do mundo? Unha
posible resposta a todas estas preguntas agóchase
na aventura que vive o protagonista desta historia do famoso
escritor Roald Dahl que podes ler en galego xa que foi traducida
no ano 1989.
Este neno orfo axudarache a saber como descubrir
unha verdadeira bruxa ao contarche o que lle ensina a súa
avoa sobre ese tema. Grazas a eles descobre que un grupo
de señoras defensoras dos dereitos dos nenos son
en verdade unha asociación de bruxas que desexan
eliminar a todos os nenos e nenas do mundo.
Pero non te equivoques; nesta novela as bruxas non son as
mulleres vellas e con vasoira que estamos afeitos a ver.
Son señoras da alta sociedade, con traballos normais,
cunha vida coma a de calquera de nós pero con dúas
características que as diferencian e que poden dar
pistas: teñen os pés cadrados e sen dedas,
ademais de levar luvas para ocultar as gadoupas que teñen
por mans.
Mais non todo é sinxelo na loita na que se ve envolto
o protagonista: ao descubrir as súas maléficas
intencións, estas mulleres transformarano nun neno-rato
e en colaboración coa súa avoa terá
que loitar contra o exército de bruxas para intentar
desfacerse delas.
|