+ de 14 CLUB DE LECTURA

 

 

Neira Vilas, Xosé
O ciclo do neno
Ilust. Díaz Pardo, Seoane, Laxeiro
Akal, col. Arealonga, 29
1987
328 pp.
Contén: Memorias dun neno labrego; Cartas a Lelo; Aqueles anos do Moncho.


As tres obras que forman o “Ciclo do neno” constitúen a primeira triloxía para a literatura infantil e xuvenil galega.
Na primeira, Memorias dun neno labrego, Balbino, o neno protagonista, cóntanos a dura vida dun neno nunha aldea de Galicia alá polos anos corenta. As tradicións, os xogos, as vivencias dramáticas como a morte do padriño e logo do seu can Pachín, os problemas na escola cun mestre que non entende os galegos, os primeiros amoríos, a emigración, enchen unha obra que xa é un “best-seller” da LIX que leva vendidas máis de vinte edicións e foi traducida ás distintas linguas do estado ademais do chinés, alemán, ruso, checo, etc. ¿A que non o sabías?.
En Cartas a Lelo, Toño de Loureiro proponlle a Lelo, o seu amigo que marchara para o Brasil hai tres anos, un intercambio de cartas contando as novas da aldea. Vemos as vivencias dun rapaz de aldea: os xogos, as pelexas e rifas cos das outras aldeas, o medo que cubría toda a vida da posguerra, e as referencias as tradicións populares, en contraposición ás novas que un Brasil próspero ofrecía aos emigrantes.
En Aqueles anos do Moncho, coma nos anteriores, o autor acode ás súas lembranzas de neno onde a guerra, a emigración e a pobreza modelan os seus personaxes, creando así un documento social que reflicte a vida cotiá de moitas aldeas galegas durante a Guerra Civil e nos primeiros anos da posguerra.