De 0 a 7 CLUB DE LECTURA

 

 

Sánchez, Gloria
Contos con letras
Ilust. e grafismo Carmen Corrales e Leticia Esteban
SM, col. O Barco de Vapor, serie branca, nº 19
2003
46 pp.


Neste libro atoparás nove historias en verso nas que algunhas das súas palabras están debuxadas e fan referencia ao que se conta nos textos.
Hai personaxes que recoñecerás deseguido porque aparecen nalgúns contos moi coñecidos como os tres porquiños, Cincenta ou a cabuxa que ten que salvar as súas fillas da barriga do lobo. Ademais aparecen máis personaxes como unha vaca que sae de paseo á braña coa súa prima Chi-Lin-Drada; un lagarto co rabo tronzado que intenta coselo e ao non conseguilo decide converterse no "lagarpirata"; un monstro que engorda coa escuridade e encolle coa claridade; ou un elefante que acode ao cirurxián para deixar de sentir complexo polo seu nariz descomunal e o seu rabo tan cativo.
Terás que atender a cómo están debuxadas as palabras. É como un xogo. Por exemplo, hai unha historia na que o protagonista é un rato que se levanta da cama e se prepara para ir ao colexio. Fíxate cómo se representan os sustos que leva o rato cando soa o despertador, cando se lle achega o gato e sente medo. Quizais podes intentar escribir ti unha historia e debuxar as palabras como fixo a autora deste libro.