Aquí
tes uns contos escritos pensando en Ana, unha nena que marchou
hai xa sete anos para Santander cos seus pais. O narrador
lémbralle canto a botan en falta os seus amigos,
por exemplo aquel garda co que dirixía o tráfico;
a súa terra que é Galicia; o seu idioma; como
todos a recordan con aquel “sorriso de paxariño”
e cando erguía os dedos para dicir que tiña
dous anos.
O primeiro conto titúlase “O peixe da fonte
do xardín” que morreu por axudarlle a beber
a un paxaro que caeu esgotado.
Na “Bomba da felicidade” o protagonista é
Leoncio, o que todos chaman tolo e que inventou o "papapío",
a lingua para entenderse cos paxaros, e que agora di ter
inventado a bomba da felicidade que ao estourar reparte música,
caramelos, xeados e todo tipo de lambonadas para facer a
todos e a todas moi felices.
En “A galiña azul” coñecerás
a galiña de Lorenzo que pon ovos de cores, e di cocorocó
en vez de cacaracá como as outras galiñas.
Isto supón un contratempo para a autoridade de Manolito
Listón, o alcalde que dicía que todos tiñan
que ser iguais. Como ninguén na vila estaba de acordo
decidiron camuflala pintando todas as galiñas de
azul. Só nós sabemos o contrasinal para saber
cal é a galiña azul.
En “A formiga esquiadora”, como lle deron en
chamar a aquela formiga coxa que camiñaba fóra
da fila, admiraremos a forza de vontade da formiga que trataba
de levar a pedra de azucre máis grande, deixando
a vida no intento cando xa estaba moi pretiño da
meta.
Os expertos din que con este libriño de Carlos Casares
déronse os primeiros pasos para unha nova narrativa
que mestura a fantasía e a realidade na literatura
infantil e xuvenil galega.
|