+ de 14 CLUB DE LECTURA

 

 

Fernández Paz, Agustín
Aire negro
Xerais, col. Fóra de xogo
2000
183 pp.
The White Ravens 2001
Lista de Honra do IBBY 2002


Non podo deixar de recomendarvos a lectura deste relato porque estou seguro de que vos fará sentir terror e mesmo ha desafiar as vosas convicións sobre a apracible realidade. Eu aínda estou tremendo e iso que o lin varias veces.
Víctor Moldes, un brillante psiquiatra, é o encargado de contarnos esta inquietante historia, tres anos despois de que acontecese. Relata como chegou á prestixiosa Clínica Beira Verde e comezou a tratar a Laura Novo, unha paciente que permanecía illada na súa cela e só escribía de modo compulsivo o seu nome. O doutor Moldes pon en práctica con Laura unha novidosa terapia baseada na lectura e pouco a pouco consegue que a rapaza mellore. Tras disto anímaa a escribir todo o que lle aconteceu e Laura vólcase no seu escrito.
A través das palabras de Laura saberemos o que lle sucedeu desde que se instalou en Lanzós, nunha casa rural rexentada por Carlos, un seu amor da adolescencia. Alí, a cor rubia do seu cabelo inqueda a Moncho, un dos empregados, debido a unha lenda daquelas terras que fala da existencia da Gran Besta, un ser que pode espertar do soño que dorme nas profundidades do inferno se é atraído por unha muller fermosa e sempre rubia. Nunha das súas excursións polos arredores Laura atopa unha cova e a partir de entón comeza a sentirse permanentemente observada. A morte do can e o ataque a unha rapaza, tamén rubia, fan que Laura abandone Lanzós, invadida por un medo irracional. Ao pouco tempo Carlos decláralle o seu amor e convéncea para que volva, asegurándolle que todo ten unha explicación racional. Mais a ameaza da Besta volve aparecer e o seu último recordo é a presenza dunha sombra escura e ameazadora que desaparece ao caer un raio.
Víctor retoma a voz no relato para completar a historia. Conta a súa visita á cova da que falara Laura e de cómo perdeu alí un colgante que ela lle regalara. Inexplicablemente, nos días posteriores a esta visita, Laura empeora. Fala tamén da súa entrevista con Carlos, ao que lle ofrece unha explicación científica do acontecido. Tan só cando Carlos lle explica que neses días se cumpre un ano do que lle aconteceu a Laura, o prazo para que a Besta desapareza e remate a ameaza, Víctor sofre unha conmoción ao decatarse de que a súa visita á cova deixara o rastro de Laura.
Asegúrovos que o desenlace desta historia é arrepiante e por suposto non caerei na tentación de contárvolo. Agardo que sexades vós os que me escribades as vosas impresións e os que recomendedes de aquí en diante a lectura desta novela.