De 8 a 10 PREMIOS GUÍAS

 

 

Miranda, Xosé
Álvaro e Álvaro
Ilust. Castelao, Patricia
Xerais, col. Merlín
2004
56 pp.
Álvaro é un neno moi fraco, leva o pelo curto e usa lentes, aínda que a súa característica máis salientable é que é bastante despistado. Todo isto sábeo ben o narrador desta historia, un trasno que di coñecer a Álvaro dende hai algúns anos e que ademais asegura que todas as cousas que lle pasaron nesta aventura son verdade verdadeira porque el estaba alí.
Resulta que Álvaro foi de excursión co colexio ás Covas do Rei Cintolo, en Mondoñedo, despistouse e acabou perdido do resto do grupo. Ademais levou un bo trompazo na cabeza e, cando conseguiu reaccionar, descubriu que ao seu lado había un neno cuspidiño a el que deseguida fuxiu e atopou os seus compañeiros e compañeiras, subiu ao autobús e marchou para a casa cos pais e todo isto sen que ninguén notase cambio ningún. Ao mesmo tempo, o verdadeiro Álvaro pasaba frío e fame na cova ata que deu coa saída e intentou buscar axuda. Pero claro, cando chamou ao colexio e á súa casa soubo que ninguén o botara en falta porque o seu posto xa estaba ocupado polo seu dobre.
Ao verdadeiro Álvaro ninguén o cre, agás a súa irmá Carmiña que desconfía do comportamento “do suposto Álvaro”. Coa colaboración do doutor Amancio Amigo todo volve finalmente á normalidade. ¡Arrepiante! ¿Ou non? ¿E se che pasase a ti?