| 
|
Moreno, María Victoria
Anagnórise
Editorial Galaxia, col. Árbore, nº 3 / col. Costa oeste, nº 1
1988
149 pp.
Lista de Honor do IBBY 1990 |
 |
Anagnórise é unha das obras de maior éxito da LIX galega, xa que desde a súa aparición leva vendidos milleiros de exemplares. Así que non podo deixar de recomendárvola porque estou seguro de que nela os lectores e lectoras adolescentes conseguides ver retratado parte do voso mundo, a confusión propia desta idade e mesmo algúns conflitos e dúbidas sobre vós mesmos.
Nicolau Arís é o encargado de narrar a súa historia desde o día no que decide romper con todo, abafado polos acontecementos que suceden ao seu redor, en concreto pola relación cos seus colegas do instituto e tamén pola súa difícil realidade familiar. Nicolás non pode pensar con claridade, séntese perdido e confuso e considera que o mellor é fuxir. Daquela decide botarse á estrada ás présas e cando fai auto-stop é recollido por unha muller da que nada sabe e coa que vai compartir a viaxe até Madrid.
Como podedes imaxinar ao principio Nicolau séntese incómodo e apenas fala pero, aos poucos e grazas á habilidade da muller, vai nacendo entre eles a confianza necesaria para que o rapaz aclare as súas dúbidas e exprese os seus desexos e inquedanzas. O diálogo aberto e comprensivo que establece a muller adulta vence todos os receos de Nicolau e axúdalle a enfrontarse á vida e aos seus problemas, a desbotar prexuízos, a valorar distintos puntos de vista.
Hai unha sorpresa final na historia que por suposto non vou desvelar. Agardo que sexades vós quen a descubrades...
|