Os lectores e lectoras amantes da literatura fantástica e desexosos de achegarvos á aventura de facervos maiores non debedes deixar pasar a oportunidade de mergullarvos nas páxinas de Arnoia, Arnoia, un dos mellores textos deste xénero da LIX galega.
A historia comeza co apresamento de Nmógadah, un mozo de 16 anos que é un Príncipe Secreto e cuxo desexo é regresar á Casa Pequena no país de Arnoia. Na súa man dereita brilla a estrela Libredón, símbolo da liberdade. Durante a súa estancia na cadea coñece a Mestre Lionel, un castrón que ten a facultade de se comunicar con el co pensamento. Ambos foxen da cadea e comezan un camiño cheo de aventuras.
Primeiramente encóntranse cos Leabertkolm e Nmógadah derrota a Hannak Oberzen, o seu fero xefe que bota lume polo seu único ollo. Logo de escapar do perigo chegan á selva de Brocelianda, onde o rapaz recibe a espada Milmanda e fica namorado dunha escultura que representa a Calpurnia Abana. A seguir, son capturados polos Grou, unha raza de ananos que apresan escravos para que furen a terra na procura da Trabe de Ouro. Nmógadah contacta con Ronaldo Macsen e ambos encabezan a revolta dos escravos que remata coa vitoria sobre os Grou. Na procura do sabio Brandaberis, Mestre Lionel e Nmógadah chegan ao reino de Lee Poirento, onde o rapaz coñece a sabedoría das oito palabras retorneadas. O camiño continúa coa navegación por un mar de morte onde os protagonistas, aos que se lles une Xamirás Kaebr, son vencidos polos piratas e abandonados nun bote á súa sorte até que son raptados por Lira Mascato, unha águia xigante que os leva aos dominios de Calpurnia Abana. Nmógadah é conducido a Francastel, un palacio de cristal onde Calpurnia Abana o seduce coa flor das flores, a Chunnilain, coa que consegue ensumilo no esquecemento. Mentres, Mestre Lionel e Xamirás organizan o rescate e conseguen destruír as fermosas doncelas, que resultan ser mulleres vampiro. Por último, chegan á Taberna da Galiana na que se abren as tres Portas do Regreso para que todos eles poidan volver aos seus respectivos países.
Cando Nmógadah traspasa a súa porta descobre que se atopa diante do espello do armario do seu cuarto, xa que en realidade nunca marchara. Lembrou daquela que aquela mañá de primavera cumpría dezasete anos: "Deixaba eu de ser un Príncioe Segredo, igoal que todos os mociños que se ollan no espello do seu cuarto a mañá do día espantoso en que fan dazasete anos".
|