De 8 a 10 PREMIOS GUÍAS

 

 

Taï-Marc Le Thanh
Babaiaga
Ilust. Rébecca Dautremer
Trad. Aleixandre, Marilar
Tambre
2004
[34] pp.
Asegúrovos que esta historia é para lectores e lectoras valentes porque ides pasar moito medo con Babaiaga, unha ogresa que ten un só dente e como é tan mala tan mala non ten amigos nin amigas. ¡Calquera se achega a ela sabendo que a súa principal afección é comer nenos e nenas! Só se leva ben coa súa irmá Cacaiaga, a madrasta de Faragulliña.
Fixándovos no texto e nas fermosas ilustracións veredes o que acontece cando Faragulliña ten que ir onda a súa tía Babaiaga, obrigada pola súa madrasta que en realidade quere desfacerse dela. No camiño atopa un sapo que lle aconsella que leve canda ela unha cinta, un xerro de manteiga, dúas codias de queixo e un anaco de touciño, cousas que lle han servir cando teña que escapar de Babaiaga. Así o fai Farangulliña, chea de medo porque a ogresa a quere comer, e cada un destes obxectos serven para superar os atrancos da súa fuxida da terrible Babaiaga.
Como en case todos os contos, este tamén ten un final feliz. Xa na casa, sa e salva, Farangulliña refúxiase no colo de seu pai que bota a malvada madrasta e aloumiña a pequena para quitarlle o medo do corpo. Pero tede coidado que Babaiaga anda solta e desesperada e ademais segue tendo fame…