De 8 a 10 CLUB DE LECTURA

 

López Domínguez, Xan
Voces na lagoa do espantallo
Ilust. Xan López Domínguez
Galaxia, col. A chalupa, nº 36
1983
30 pp
Lista de Honra do IBBY 1992


Contan os que viven na vila de Carpelle que da Lagoa do Espantallo saen voces. Así comeza este conto no que un debuxante recibe unha noite a visita dun corvo. Diante dun café ben quente, o corvo cóntalle a historia da famosa Lagoa.
Resulta que antes de ser Lagoa era unha leira que pertencía a dous labregos, Ramón O Puma e Lolo Couceiro, cuxas terras estaban separadas por un muro de pedra e plantadas de millo. Unha mañá de inverno apareceu en Carpelle o camión do negociante Casildeiro, ofrecéndolles aos dous labregos un bo prezo polas súas colleitas de millo.
Ao ver que a colleita era boa e o millo ben saboroso, os corvos deseguido comezaron a comelo e O Puma e o Couceiro, ao se decatar das súas pertas, chantaron cadanseu espantallo no medio da leira. Así deu comezo a rivalidade entre os dous homes e unha competición sen descanso para ver cal dos dous construía o espantallo máis grande até que comezaron a saírlles fendas que remataron nun gran buraco que cando se puxo a chover axiña se encheu de auga. Foi deste xeito como naceu a Lagoa do Espantallo.
Ao amencer o corvo marcha e o debuxante que estivo escoitando a historia lamenta non lle ter preguntado por esas voces que veñen da Lagoa. Pero, de súpeto, escoita un son que viña das augas: unhas voces misteriosas que aínda hoxe seguen pelexando, desta vez pola cantidade de litros de auga que posúe cada un.
¿Imaxinades quen son?´