De 0 a 7 CLUB DE LECTURA

 

Sánchez, Gloria
Fafarraios
Ilust. Xan López Domínguez
Xerais, col. Merlín
1991
49 pp.
Premio Merlín 1990
Lista de Honra do IBBY 1994


Coñecedes os números? Seguro que a resposta é afirmativa, aínda que dubido que coñezades este novo sistema numérico. A que non oístes falar dos fafanúmeros? Pois só teredes que ler este libriño para poñervos ao día.
Trátase de poemas, si, trinta e tres poemas do máis diverso, do fafarraun até o fafarraFin; textos cheos de humor e sensibilidade, nos que a autora puxo todo o seu agarimo, dándolles vida a cousas como a capa de ozono, a vasoira, a aquela abella que lle gusta facer calceta ou ao zoco e a zoca namorados. Escacharedes coa risa ao coñecer o lobo veraneante e as ovellas surfistas. E que me dicides daquela verdura que morreu en pecado por namorarse dun conxelado? Incrible o da pataca frita que foxe en veleiro cun ovo estrelado! E lendo e lendo chegaredes a ser tan listos como a pomba que foi á escola e xa sabe sumar e o libro de letras de pe a pa.
Colegas, non deixedes pasar a ocasión. Tendes nas vosas mans a carta de presentación dunha das nosas creadoras de LIX máis recoñecidas, Gloria Sánchez. Foi chegar e bicar o santo, como se adoita dicir, pois con esta a súa primeira obra gañou o Premio Merlín, dándolles unha volta completa aos poemarios que os rapaces lían até ese momento. Que gocedes destes bos poemas!