Este
trimestre…
O lagarto pintado visita a… Ramón Lamote
Ola colegas
Aquí estou de novo. Que tal as vacacións? Agardo que fosen tan intensas como as miñas, que estiveron cheíñas de libros dos bos.
Co comezo deste novo curso non me resisto a recomendarvos que visitedes esta páxina para buscar nela esa historia que está agardando por cada un de vós para entrar no marabilloso mundo dos libros. Morro de ganas de intercambiar impresións con cada un de vós.
Co comezo deste novo curso non me resisto a recomendarvos que visitedes esta páxina para buscar nela esa historia que está agardando por vós para entrar no marabilloso mundo dos libros. Morro de ganas de intercambiar impresións con cada un de vós.
Este verán decidín ir ata Lugo para coñecer a Paco Martín e concertar unha entrevista co señor Lamote. Si, xa sabedes, o protagonista do libro Das cousas de Ramón Lamote, que seguramente coñeceredes (se non é así, a que esperades?). Podedes comezar picando na sección A túa biblioteca, onde atoparedes información sobre o libro.
Collín o bus e vaia viaxe máis longa! Parece que en vez de ir de Santiago a Lugo ía viaxar a Xangai ou cousa tal. Cheguei canso pero púxenme deseguido ao choio. Chamei a Paco e, tras unha longa aperta, levoume á súa casa. Alí garda o libro orixinal, no que se pode entrar sempre que se teña o permiso do autor. Atopei a Ramón Lamote xa nas primeiras páxinas. Que alegría levei ao coñecelo! Como era xoves, viña de dar a súa clase de Chairego.
Fíxenlle unha chea de preguntas e falamos de moitas cousas. É ben agradable este Lamote, ho, e moita paciencia tivo comigo. Aquí vai a nosa conversa…
Lagarto pintado: En primeiro lugar quero dicirlle, señor Lamote, que é unha honra coñecelo. É vostede un personaxe famosísimo no mundo da literatura galega e leva anos engaiolando xente de todas as idades.
Ramón Lamote: Pois moitas grazas polos teus cumpridos, amigo Lagarto pintado. Aínda que dis que son famosísimo, a miña educación obrígame a presentarme. Eu son Ramón Lamote Miñato, profesor particular de Chairego e debuxante de soños por encarga.
Lp: Estou convencido de que sobra a presentación porque os meus lectores e lectoras son ben listos. Quero que saiba que esta entrevista é para unha páxina web que se chama O Ourizo Azul e que vai dirixida aos rapaces e rapazas galegos. Nela preséntolles os libros máis bonitos que se escribiron para eles.
RL: Vaites, que boa idea! Dálles pois un saúdo a eses rapaces e rapazas que han ler estas miñas humildes palabras e non esquezas dicirlles da miña parte que nunca deixen de imaxinar.
Lp: E como foi que coñeceu a Paco Martín?
RL: Pois foi hai moitos anos, concretamente no ano 1985. Cadrou que aos dous nos gustaba pasear pola muralla de Lugo, e axiña demos en falar. Daquela conteille algunhas cousas da miña vida que el soubo poñer con moito talento nese libro que titulou Das cousas de Ramón Lamote. Xa ves que pasou moito tempo pero seguimos a ser amigos. O libro recibiu moitos premios e mesmo saíu de Galicia porque mereceu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Iso supuxo unha gran satisfacción para Paco e para min.
Lp: Vexo que segue a dar clases de Chairego. Gáñanse moitos cartos con este traballo?
RL: Non moitos, esa é a verdade. Mesmo ás veces resulta unha tarefa complicada dar as clases. Lembro unha vez que non houbo modo de subir ao terceiro andar do número nove da rúa dos Montes, onde cheguei con exquisita puntualidade, porque atopei unha señora sentada na escaleira e non houbo modo de que me deixase pasar. E como eu son tan educado…
Lp: Daquela, se as clases non lle dan moitos cartos, vostede como se amaña para comer todos os días?
RL: En realidade, tamén son debuxante de soños e así, entre as dúas cousas… Ás veces tamén dou algunha charla. Nunha ocasión, fun dar unha á Asociación de Mulleres da súa Casa que Fan un Gasto Considerable en Pescada Fresca e cobrei mil cento oito pesetas. Daquela aínda non existían os euros. Decidín falarlle ao público, trinta e sete señoras e un home, por dicilo con exactitude, do Entomodelfo, un animal ben curioso, non cres?
Lp: Abofé que si. E por certo, aproveito este encontro para preguntarlle unha dúbida: cantos anos vive un Entomodelfo?
RL: Nunca máis de noventa nin menos de oitenta e nove.
Lp: Vostede segue a ter Entomodelfo na casa?
RL: Si, claro. Como viven tantos anos sigo a ter aqueles tres que aparecen no libro. Veñen pola casa cando chove moi miudiño e teño algún libro novo que pague moito a pena.
Lp: E xa que estou aquí, podería ensinarme os marmolubios?
RL: Ai, amigo lagarto, iso si que non vai ser posible. Como escribiu Paco no libro, os marmolubios non soportan máis de trece graos de temperatura. É mellor que cadaquén imaxine o seu propio marmolubio, non cres?
Lp: Recibe vostede moitas cartas dos seus lectores?
RL: Nestes tempos non se leva moito escribir cartas das de antes. Agora enléase cos correos electrónicos. Gustaríame recibir máis, sobre todo con opinións e comentarios que me axudasen a coñecer como é o mundo dos máis novos, que lles preocupa, que libros lles gustan. Quizais se lles dis que me escriban… Mellor será que che envíen a ti os correos eses que se levan agora e logo xa mos fas chegar a min.
Lp: Paréceme unha idea macanuda, Lamote! Que tarde é! Vou perder o bus! Marcho, que teño moito choio. Moitas grazas pola conversa, Lamote, e non dubide de que seguiremos en contacto. Esquecía pedirlle un favor: sería tan amable de asinar este libro para sortealo entre os lectores e lectoras que me escriban á páxina web? Estou convencido de que lles fará moita ilusión ter un exemplar coa súa dedicatoria…
RL: Claro que cho asino, amigo Lagarto. Deica outra!
Agardo que vos gustase a conversa. Xa me contaredes. Déixovos que teño que preparar unha nova viaxe. Prometo estar aquí na nosa próxima cita. Ata logo, chao.
|