Recomenda PREMIOS GUÍAS

 

 

Imaxe do libro

Trigo, Ramón
As luces que se acenden e se apagan
Ilust. Ramón Trigo
Factoría K de Libros
2005
32 pp.

Lusco está cheo de ideas que o alumean e que o empurran polos camiños da imaxinación e da creación. Coas súas pinturas é quen de debuxar calquera cousa, mesmo o máis realista dos bodegóns, onde podemos cheirar o arrecendo das froitas e case que apartar coas mans as moscas que invaden o cadro.
É o momento de atopar outro modelo ou quizais de deixar que a imaxinación do artista bula libre, sen fronteiras. O simple feito de contemplarse diante dun espello pode dar pé a un autorretrato; observar un caldeiro de pintura levarnos a navegar polo mar máis embravecido e cando esteamos na crista das ondas ter que baixar outra vez, obrigados pola vertixe, poñendo os pés no chan para decatarnos de que as ideas son as que alumean o noso decorrer diario, case sen darlles importancia. Se deixamos os nosos pensamentos en mans da imaxinación, poderemos saber que a creatividade é o que fai que ningún día sexa igual ao anterior e consegue que poidamos ver o mundo que nos rodea con ollos optimistas, tendo claro que a mellor riqueza son as ideas por riba dos cartos.
Cando rematedes o libro, darédevos de conta de que non só nas grandes pinacotecas están as obras de arte. Podemos atopalas en calquera lugar. Todo consiste en ollar o mundo dun xeito receptivo, sabendo aproveitar o mellor para poñelo nas mans da imaxinación. Farédesvos preguntas como: cal é o principio e cal é a fin dunha obra de arte?; onde remata o proceso creativo e as súas posibilidades?; onde están os erros e os acertos?; cal é a visión do creador, tantas veces distinta da do receptor?