Decidinme a recomendarvos un libro ben curioso porque nel os protagonistas son os calcetíns. Si, si, non vos estou tomando o pelo, os calcetíns, os calcetíns salvaxes, eses que teñen modais pouco sofisticados e adoitan ser bastante fedorentos. Puaggg!
Pablo Prestifilippo ofrécenos un verdadeiro tratado sobre as súas orixes, os seus costumes, a súa anatomía, as diferentes razas que existen, os seus gustos…, en fin, todos os seus segredos co fin de que poidades coñecelos ben e convivir con eles, e faino a través dunhas ilustracións que amosan todo o seu potencial para animar obxectos, mesmo aqueles que poden chegar a pasar desapercibidos.
Pero, tede coidado! Son numerosas as historias sobre a maldade destas feras cheirentas que poden chegar a se converter nunha praga. Menos mal que Pablo coñece todos os seus segredos e tivo a ben compartilos con nós. El tamén tivo un calcetín salvaxe… e vós?