Recomenda PREMIOS GUÍAS

 

 

Imaxe do libro

Oli
Conto para non comer
Ilust. Andrés Meixide
Galaxia, col. Árbore
2005
26 pp.
White Ravens 2006

Antón estavos feito un pillabán. Se queredes saber como fixo aquela noite para conseguir o seu propósito só teredes que botarlle unha ollada a este libro, e case vos recomendaría que non llo deixáredes ver aos maiores...
Ides saber das voltas e reviravoltas que o meu amigo Antón e capaz de darlle a todo até se saír coa súa. Desculpas e peticións de todo tipo, dende a visita de Pedro Chosco, ao obrigado acompañamento do can que trouxo o seu pai. Tamén aparecen o avó e o seu amor pola navegación; a madriña, que chegou disposta a acabar coa néboa que nubraba todo; e mesmo a veciña, que pasou pola casa coas súas ovelliñas, e o tío Ernesto e os seus grilos cantores.
O que xa foi case definitivo foi a visita da avoa que sempre vén chea de contos, nesta ocasión con un que seguro xa todos coñecedes, ou non sabedes o que lle pasou ao galo Kirico cando ía á voda do tío Perico?
Non quero descubrirche o segredo pero, imos ver como Pedro o Chosco e Antón, van poñer en práctica a fórmula máis convincente para convencer a mamá.
Se aínda non coñeciades a historia de Antón debedes saber que este libro, cheo das cores de Andrés Meixide, vai chegar ás mans de moitos nenos de todo o mundo, xa que forma parte dos 250 títulos escollidos para a lista White Ravens, de entre todos os libros de LIX publicados no 2005 en 47 países en 32 idiomas diferentes.
Servirá para que os nenos de medio mundo teñan argumentos para facer desfilar a media parroquia e saírse coa súa?