Para os lectores e lectoras aos que lles agradan as novelas con boas doses de intriga, aquí vai a miña recomendación de A sombra descalza. Con esta novela, An Alfaya conseguiu o Premio Lazarillo 2005, xa sabedes, ese galardón tan importante no que as obras en lingua galega compiten con outras do Estado e que nas súas últimas edicións demostra a calidade da LIX galega.
A historia xira arredor da descuberta dun gran segredo, deses que fican na memoria familiar durante anos agardando a que alguén teña a valentía de desvelalo para que deixe de ser unha pesada carga.
En A sombra descalza, é Elsa, unha moza de dezaseis anos, a que esixe coñecer o pasado da súa familia e, sobre todo, que foi o que aconteceu coa súa tía Sagrario, unha figura que pasou a súa vida deambulando pola casa coma unha pantasma, arredada de todos e sempre descalza. Mais a casa e a memoria familiar gardan máis sorpresas, como a vida da tía Florinda, sempre co debuxo dunha cara triste e chea de amargura; a resignación de Esperanza, a nai de Elsa; e o silencio da avoa Amadora. E sobre todas elas, a personalidade do avó Xuliano, un home que nunca quixo esquecer o que aconteceu naqueles tempos da Guerra Civil española.
En fin meus, un relato deses que enganchan e que non deixaredes até que cheguedes ao final, con sorpresa incluída. Xa me contaredes!