Recomenda PREMIOS GUÍAS

 

 

Imaxe do libro

Riveiro, Breogán
Tonecho de Rebordechao
Ilust. Pereira, Evaristo
Galaxia, col. Árbore, nº 139
2005
160 pp.
Premio Raíña Lupa 2004

Teño un novo amigo. Chámase Tonecho e vive en Rebordechao, unha aldea perdida na xeografía galega na que non hai máis nenos ca el. De feito, é un lugar tan afastado que o reparto do pan non chega pola mañá senón á tardiña. Por mor da morte de seus pais, Tonecho tivo que deixar a grande cidade á que estaba afeito e ir vivir cos avós.
No relato cóntanos moitas cousas: como é a vida na aldea, como é a escola unitaria na que a súa mestra Sabela lle aprende cousas que non veñen nos libros, a súa amizade con Kevin... E ademais, coñeceremos os seus avós, que como di Tonecho son coma nenos: discuten polas cousas máis insólitas pero cun aquel que demostra o que é o verdadeiro amor. O avó é un home curioso e ademais moi culto. Ten moitísimos libros e a avoa di que ten o vicio de ler desde os tempos do Seminario, porque seica ía para crego. Sempre anda repetíndolle a Tonecho que a lectura lle abrirá a mente moito máis que calquera desas videoconsolas polas que o neno devece. Por non falar das peripecias do avó cando vai ao volante do seu vello Santana e chega aos trinta quilómetros por hora…
Na aldea Tonecho non ten tempo de aburrirse. A paisaxe é fermosa, tanto se neva como se vai sol, e cando chove gústalle quedar a carón da lareira e escoitar os milleiros de historias que saben os avós. Ademais, hai casas baleiras nas que entrar, froitas que roubar e corredoiras que percorrer. Precisamente a afección de Tonecho a deambular pola aldea será a orixe dunha emocionante aventura e dunha descuberta relacionada coa arrepiante historia dun lobishome que viviu por aquelas terras. Ao final todo quedará en nada, pero, vaia susto que nos deu o Tonecho!
Ben colegas, estas e outras cousas son as que descubriredes neste divertido relato. Estou pensando en facerlle unha visita a Tonecho para coñecer un polo máis como é Rebordechao… Apetécevos?