Estou convencido de que algunha vez teredes oído esta canción:
A raíña Berenguela
güi, güi, güi
como está tola
tricotricotrí
como está tola
lairó lairó lairó lairó lairó
levantouse da cama
güi, güi, güi
sen a cachola
tricotricotrí
sen a cachola
lairó lairó lairó lairó lairó.
Pero o que talvez non sabedes é que a raíña Berenguela existiu de verdade e debeu ser unha muller moi especial, malia a súa fama de tola, para que se conservase a súa memoria ata hoxe en día, sobre todo en Compostela, onde é a protagonista dunha fermosísima lenda que se adoita contar a noite do 24 de xullo.
Convídovos a ler esta peza teatral, a primeira de Xosé A. Neira Cruz, porque estou seguro que vos ha encantar. O Vello das Pombas é o encargado de contarlle a Comba, unha nena de nove anos tímida e solitaria, a historia da raíña. É o seu xeito de explicarlle que non todos temos por que ser iguais, e que hai persoas que a pesar de ser consideradas raras ou tolas, son verdadeiramente especiais.
Tedes sorrisos asegurados con Dorotea, que polo que di e por como fala parece pertencer ao mundo actual, ou non? Outro atractivo deste libro son os personaxes históricos, que aquí aparecen dun xeito un tanto orixinal. Fixádevos en Xelmírez, que só teme ser desarcebispocompostelanizado. Ou en Frei OdranoeL, o insólito inventor de enxeños entregado á raíña. E que diredes dese rei comechón, incapaz de entender os desacougos da súa esposa? E da simpática relación entre o Xograr Reinaldos e o seu cabalo Sinforoso?
Outro engado do libro son as ilustracións de Kiko da Silva que están cheíñas de detalles imaxinativos e humorísticos. Eu paseino bomba con este libro e por iso non dubido en recomendárvolo. Propóñovos un reto: os dez primeiros que envíedes a esta páxina un texto coa lenda da raíña Berenguela recibiredes unha camiseta ben chula. Así que veña, investigade e escribídeme, porfa! Lembrade que hai agasallos en xogo, así que a ler e a escribir, meus.