Recomenda PREMIOS GUÍAS

 

 

Imaxe do libro


ALMOFREI, Manuel
Unha de lobos
Ilust. Chus Ferrín
Baía, col. Xiz de cor
2005
28 pp.

Pode haber un lobo bo? Parécevos posible? Eu non sei se crelo aínda! O caso é que Lupus, unha fera que metía medo e que papaba canta ovella pacía nos prados, resolveu mudar de actitude despois de sufrir máis dun escarmento.
A fame era moita e adoecía por levar algo á boca. Ao de facerse vexetariano xa lle dera moitas voltas e agora sentíase un pouco vello para cambiar de hábitos. Así que se achegou a un rapaz para proporlle un trato: coidaría do seu gando e avisaríao cando esas malas bestas que só andan á rapina asomasen os fuciños pola corte. Fixádevos ben no libro, porque ata as pitiñas toman nota do que di o lobo. Penso que vai ter que asinar o documento e, aínda así, todo resulta un pouco sospeitoso, non si?
O pobre do lobo levou tales golpes nos últimos días que case que xa me dá pena. Tremendo foi o trompazo que levou cando se dispoñía a papar a egua e o seu poldriño. Aquilo foi de medo! Nin Ronaldinho solta eses couces!
E aqueles carneiros de cornos retorcidos... como turran os condenados! Coa viaxe que lle meteron deixáronlle o lombo tan magoado que tardou días en poderse deitar.
Pero o susto máis grande aínda estaba por chegar. Pensaba que aquela porca e os seus bacoriños non poderían fuxir; eran un bocado tan apetitoso e á vez tan indefenso... Mais todo volveu saír mal, e desta vez o lobo rematou río abaixo, onde houbo de morrer afogado.
De verdade pensades que todos os enganos e labazadas que levou abondarán para que o lobo mude a súa natureza e pase a ser agora un fiel pastor vixiante? Non sei, eu non o teño moi claro. E vós?