Recomenda PREMIOS GUÍAS

 

 

Imaxe do libro


FARIAS; Juan
Un tarro cheo de lapis
Ilust. Xavier Blasco
Trad. Xavier Senín
Planeta & Oxford, col. Camaleón
2005
96 pp.

Algunha vez sentistes a tentación de escribir? Nesta historia coñeceredes un neno cuxo nome comeza cun J maiúsculo e que un día de festa en que non lle deixaron ir pescar (unha das súas maiores afeccións), decidiu escribir un libro. Sentou disposto a escribir unha boa aventura, pero as follas ían directamente á papeleira. Sen renderse, pasou a describir a súa familia. Nun principio semella que a súa é unha casa corrente: cómese todos os días á mesma hora, hai peixe os venres e croquetas os domingos, non hai crocodilos no corredor, nunca teñen que vir os bombeiros, non hai pantasmas no faiado... Quizais con este material pouco se poida facer que pague a pena. Axiña descubriredes que non é tal. Cun lapis e coa imaxinación, non tardará en encher o seu caderno.
O primeiro capítulo será a fermosa historia de como se namoraron os que ían ser seus pais, unha mañá de primavera no parque. Logo virán o parrulo Golo e Pablo, o irmán máis pequeno, que de maior quere ser un deses buzos antigos que atopan tesouros no mar e tamén un chapuzas que arranxará todo cun desparafusador.
O pai é debuxante e anda sempre nesta historia facendo os retratos da familia. Ten milleiros de lapis, gomas, papeis de todas as clases e a cabeza chea de sorpresas. Unhas veces debuxa o que quere e outras o que lle encargan. Hai quen di que está un pouco tolo, que ten mal xenio e que non é moi listo, pero ao seu fillo parécelle máxico.
Chegou o momento de falar de mamá. Mamá é mamá, e por iso non pode ou non sabe estar quieta. Frite croquetas, cose os buracos dos calcetíns e limpa as orellas. Hai anos quería ser mamá e mais outra cousa pero naceu Nuria, unha nena que non é como as demais, e alá foron unha chea de proxectos. Mamá é unha muller moi valente que daría para escribir dez ou doce libros enormes falando só dela.
E despois está Nuria, un capítulo especial. Nuria ten dez anos e os seus ollos son grandes e tristes. Gústalle estar soa e falar con persoas que imaxina. Sorri cando entende e ponse algo triste cando non, pero fai que todo sexa distinto ao seu arredor. Tamén está Marta, que acaba de cumprir quince anos e ten que facer todo o que fai mamá, ou case todo. Soña con ser médico de animais e de persoas. Ademais, sabe calcetar, preparar a ensalada e ler marabillosamente ben en voz alta.
Non podo ou non debo contarvos moito máis. Si vos direi que é unha historia chea de humor e de moita imaxinación... Cando a leades, darédesvos de conta das cousas importantes que deixamos pasar acotío sen reparar nelas, do especiais que somos cada un de nós e tamén desa substancia que non sei como se chama e que non se vende nas tendas, pero que fai que as cousas normais nos parezan únicas.