Contan os máis vellos do lugar que alá enriba, onde as nubes acariñan as montañas, nun curruncho do Himalaia, existía un país moi cativiño onde o dragón Nemoth tiña atemorizadas as xentes do lugar. Esixíalles o seu alimento e, se non llo daban, da súa boca sairía o lume que arrasaría con todo.
Xa sabedes que nestes casos sempre hai un rei moi preocupado polos seus súbditos, e este era o caso do rei Tenduc. Logo de consultar cos seus conselleiros, ao rei ocorréuselle convocar os seus fillos para resolver o problema. Iso si, prometeulles que o que acabase co dragón sería o príncipe herdeiro daquel reino, o máis pequeno do mundo. Que vos parece?
Xa chega pola porta o fillo maior Januc, o máis botado para diante, o máis guerreiro, o máis forte, dicíndolle a seu pai que non se preocupe, que el brandirá a espada mellor temperada e acabará co dragón.
O segundo fillo, Kiruluc, era coñecido polas súas artes de alquimista e estaba disposto a conseguir onde fose unha beberaxe mortal para a besta.
O coitadiño de Liluc, o fillo máis novo, non tiña demasiado interese polo tema, e moito menos lle apetecía ter que rifar cos seus irmáns pola herdanza. Esta actitude provocou a indignación do rei, que se achegou a súa muller para preguntarlle que pasaba co rapaz. A raíña Maruc, comprensiva como todas as nais, díxolle que non dubidase de Liluc, que seguramente sería quen de atopar a solución sen ter que saír do pazo.
Queredes saber ata onde tiveron que viaxar para dar coa solución? E quen foi capaz de acabar co dragón e herdou o trono? Só teredes que ler este conto e imaxinar as batallas e loitas co dragón.