Aquí vai outra das miñas recomendacións. Eu non puiden deixar este libro ata que o rematei porque desexaba saber que lle ía acontecer a Ela na súa viaxe ao Mundo de Fóra, ou mellor dito, ao Mundo de Dentro, e se finalmente conseguiría atopar un nome de seu e quizais ser un pouco máis feliz.
Vaia monllo de aventuras! Todo comeza cando Ela é conducida por Tomé o Piloto —que aparca o avión onde cabe unha moto, he, he!— ao Mundo de Fóra, que digo, ao Mundo de Dentro, porque seica están en perigo e precisan decontado unha técnica equilibrista que poña fin á invasión e á desaforada manipulación que están sufrindo. ¿Será Ela a persoa perfecta para ese traballo ou todo é un desafortunado erro?
Se queredes coñecer polo miúdo todas as aventuras que vive esta rapaza non dubidedes en mergullarvos neste libro. Ademais, nas súas páxinas atoparedes moitísimos personaxes que vos resultarán familiares: o coello de Alicia no País das Marabillas e a mesma Alicia, o lobo de Carapuchiña, Robin Hood, os músicos de Bremen, a Bela Dormente, o Rei León, Aladino, Tarzán, Shrek, Heidi, Buggs Bunny, Lucky Lucke, Tom e Jerry, Popeye, Shin Chan, o Pato Donald, e máis, moitos máis. Xa veredes como a Ela o trato coa maioría destes personaxes lle resulta ben decepcionante. Quizais porque caeron en malas mans que non lles deixan ser como eran nun principio.
E que me dicides desa educación que ten a rapaza? Sen pais e sempre controlada polo sofisticado programa informático X.Ela.Dos!… Gustaríavos ser educados sen os vosos pais e estar baixo o control dun ordenador? Agardo as vosas opinións…